A súa elección como artista residente no Espazo Vilaseco, respondeu a unha intuición sobre as posibilidades creativas que a contorna de Chantada e a Ribeira Sacra podían ofrecer a unha práctica artística deste tipo. Foi así como, durante un período de dous meses, Diserens recolleu fragmentos sonoros e visuais desas voces discretas, case inaudibles, que logo manipula e funde cos sons antropogénicos xerados polas presas da rexión. Como resultado, xorde unha nova paisaxe de existencias naturais e artificiais que celebra a interdependencia de todos os seres vivos, mentres sinala o impacto da acción humana.
Dentro do vibrante ecosistema que constrúe a artista en cada unha das obras deste proxecto, ras e sapos cobran unha especial relevancia grazas á hipnótica e complexa riqueza dos seus cantos e chamadas, que cambia mesmo entre o día e a noite. A fascinación por estas voces, alimentada durante numerosos encontros nocturnos en total comuñón, levou a ese eventual desexo por devir anfibio, a unha vontade de mergullarse por completo noutra existencia.
Con este xesto simbólico e agradecido, Diserens culminou a súa inmersión na paisaxe galega tras experimentar un proceso baseado nos conceptos de porosidade e presenza. A porosidade como unha calidade fluída, versátil e permeable que leva a un descentramiento do eu, e que considera a vida cos demais e non xunto a eles; a presenza como reivindicación do presente, do ser, como unha forma de sintonizar e conectar coas ondas do mundo para fundirse con el.
A exposición concibida expresamente para o Espazo Vilaseco, consta dunha paisaxee dunha instalación audiovisual.
En “Alytes”, Diserens xoga coa escala e a perspectiva acústica do canto do sapo partero (Alytes obstetricans), que habita os humidais próximos, permitindo ao visitante experimentar cambios a nivel espacial, temporal e existencial, coma se estivese aos pés dunha charca asistindo a un concerto anfibio na intimidade da noite.
"Two Lineations” é unha dobre proxección de imaxes fixas que parte do canón do Sil e chega ata a presa antes de dividirse e seguir dous camiños distintos a través das paisaxes da rexión, revelando como estas liñas forman unha discreta unión entre a poboación de cigüeñas e a das ras.
O visitante atopará tamén algunhas entradas do diario da artista, crónica vívida desta estancia de dous meses enche de sutís descricións da paisaxe galega, onde entre o soño e a vixilia vaise fraguando a metamorfose anura; así como o álbum de vinilo turning porous, a banda sonora que vertebra todo o proxecto, coeditada entre Edicións Vilaseco e forms of minutiae, o selo discográfico da propia Diserens. O álbum reúne diversas acústicas anfibias e hidrográficas obtidas con distintas técnicas de gravación; zumbidos, chamadas e chasquidos de ras, insectos, morcegos e paxaros, entrelázanse cos motores das centrais hidroeléctricas para formar unha luxuriosa paisaxe sonora que convida o oínte a experimentar esa calidade permeable e a descubrir a música magnética do lugar.