Asumido como periferia de periferias, o panorama artístico galego acusa historicamente unha falta de estrutura institucional que leva aos/as nosxs artistas a ter que elixir entre quedar –asumindo a falta de oportunidades que iso implica- ou irse –certificando así que é incompatible a posibilidade de desenvolver desde o noso lugar de orixe unha carreira internacional no campo das artes visuais-.
Por iso, tomando como referencia unha serie de experiencias desenvolvidas nos últimos anos noutros contextos que acusan problemas similares, ADENTROS exponse como un proxecto que quere impulsar a posibilidade de quedar –establecendo Galicia como punto desde o que poder desenvolver unha carreira artística plena- promovendo un programa de encontros que leve a diferentes axentes do contexto local, nacional e internacional a coñecer de primeira man, non só o que está a ocorrer nos talleres dos e as diferentes artistas que elixiron Galicia como lugar de traballo, senón tamén nas institucións, nos proxectos independentes, no terreo das galerías e nos asuntos de interese patrimonial, que inevitablemente se vinculan coa actualidade artística.
O obxectivo deste encontro foi convidar a comisarixs nacionais e internacionais a coñecer o contexto da arte contemporáneo en Galicia, visitando estudos de artistas, museos e fundacións. Este é o itinerario desta edición: Lugo: Salvador Cidrás e Vicente Blanco; Sarria: Trienal de Sarria e a editorial Alauda Negra; Santiago de Compostela: as galerías Nordés e Trinta, lxs artistas Diego Vites, Alejandra Pombo, Berio Molina, Irene Grau, Mauro Trastoy, Pablo Barreiro e algunhas institucións; Lalín: Misha Bies Golas; Agolada: Álvaro Negro e o baldaquino medieval de San Xulián de Ventosa; Monterroso: colectivo organizador do festival Agrocuir.
Ángel Calvo Ulloa (Comisario de Adentros I)
Adentros I: Encontros curatoriais na Galicia interior
Ángel Calvo Ulloa (Lalín, Pontevedra, 1984). Comisario e escritor, vive e traballa entre Galicia e Madrid. Actualmente prepara, xunto con Marta Mestre, a Bienal anozero’24 en Coimbra, e proxectos para institucións como Instituto Moreira Sáelles (São Paulo), Museo Centro de Arte 2 de Mayo (Madrid), Museo Patio Herreriano (Valladolid) e Instituto Valenciano de Arte Moderna (Alcoy, Alacante).