Pablo Diserens, cunha residencia comisariada por Andrea Franco, foi e primeire artiste residente en Vilaseco.
Pablo Diserens -músique, artiste sonore, cineaste… -converte a escoita atenta nun acto político radical capaz de espertar unha maior conciencia ecolóxica e de propoñer novas relacións coas formas de vida non humanas que nos rodean. Ao longo da súa residencia foise empapando da paisaxe da Ribeira Sacra, recollendo en distintos soportes fragmentos desa vida case invisible e inaudible, que logo manipula tecnicamente para revelar sons xenuinamente musicais.
Durante a súa residencia recolleu unha paisaxe sonora (“Alytes”) -recreación amplificada e editada do canto do sapo partero (Alytes obstetricans), que resiste nas zonas húmidas de Chantada; e traballou na creación dunha instalación audiovisual e inmersiva (”Two Lineations”), que desprega en dúas direccións un itinerario de liñas e camiños, tanto naturais como creados polo home, para terminar, unha vez máis, o máis preto posible das súas formas de vida non humanas.
Pablo Diserens
Música, gravadora de campo, artista, cineasta… O traballo interdisciplinar de Pablo Diserens baséase na atención, principalmente a través do son, cara a signos e presenzas da natureza imperceptibles para unha sociedade antropocéntrica, e a miúdo vulnerables. A través da escoita destas formas de vida non humanas, a artista propón un novo modo de relacionarnos co mundo onde o son busca borrar as diferenzas entre as especies.
A súa elección como artista residente no Espazo Vilaseco, respondeu a unha intuición sobre as posibilidades creativas que a contorna de Chantada e a Ribeira Sacra podían ofrecer a unha práctica artística deste tipo. Foi así como, durante un período de dous meses, Diserens recolleu fragmentos sonoros e visuais desas voces discretas, case inaudibles, que logo manipula e funde cos sons antropoxénicos xerados polas presas da rexión. Como resultado, xorde unha nova paisaxe de existencias naturais e artificiais que celebra a interdependencia de todos os seres vivos, mentres sinala o impacto da acción humana.